Ten a serena o canto
i a serpe o alento;
o lago ten a onda,
Dios ten o inferno.
Ti tes de abondo
co que tes escondido
neses teus ollos.
O trono dos monarcas,
do sabio os trunfos,
a groria do poeta,
o ouro do mundo:
Dera eso todo
por sólo unha mirada
deses teus ollos.
Buscan os pitorreises
pra faguer niño,
a herba santa que nace
veira dos ríos.
Eu busco sólo
unha mirada meiga
deses teus ollos.
Cando se pon a lúa
tras dos penedos,
choran as estreliñas
todas do ceo.
Tamén eu choro
cando non me alumean
eses teus ollos.
Curros Enríquez, Manuel (1992). Poesía galega completa. Vigo: Ed. Galaxia
Versión de María do Ceo
Sem comentários:
Enviar um comentário