A xusticia pola man. Rosalía de Castro

Aqués que tén fama d' honrados na vila
roubáronme tanta brancura qu' eu tiña;
botáronme estrume nas galas dun día,
a roupa de cote puñéronma en tiras.
Nin pedra deixaron en dond' eu vivira;
sin lar, sin abrigo, morei nas curtiñas;
ó raso cas lebres dormín nas campías;
meus fillos... ¡meus anxos!... que tant' eu quería,
¡morreron, morreron ca fame que tiñan!
Quedei deshonrada, mucháronm' a vida,
fixéronm' un leito de toxos e silvas;
i en tanto, os raposos de sangre maldita,
tranquilos nun leito de rosas dormían.

―――

Salvádeme ¡ouh, xueces!, berrei... ¡Tolería!
De min se mofaron, vendeum' a xusticia.
Bon Dios, axudaime, berrei, berrei inda...
tan alto qu' estaba, bon Dios non m' oíra.
Estonces, cal loba doente ou ferida,
dun salto con rabia pillei a fouciña,
rondei paseniño... (ne' as herbas sentían)
i a lúa escondíase, i a fera dormía
cos seus compañeiros en cama mullida.

Mireinos con calma, i as mans estendidas,
dun golpe ¡dun soio! deixeinos sin vida.
I ó lado, contenta, senteime das vítimas,
tranquila, esperando pola alba do día.

I estonces... estonces cumpreuse a xusticia:
eu, neles; i as leises, na man qu' os ferira.

Rosalía de Castro (1993). Follas Novas. (Vigo: Galaxia)


Nao
Abe Rábade

9 comentários:

  1. Grazas a Rodrigo Martín que nos fixo chegar a versión de Nao de A xusticia pola man.

    ResponderEliminar
  2. Como xa dixen, de nada, sempre é bo compartiren este tipo de cousas =)

    ResponderEliminar
  3. Anónimo1/5/11

    O poema reflexa a dor e a impotencia de quen sufriu unha inxustiza grave no mais querido,quen chega a pasar fame e a quen lle quitan todo.Esa inxustiza ten que ser arreglada pola propia man .Suplica axuda os xuices ,as leis e non hai resposta;sólo se axuda ó que ten máis e a persoa queda desvalida.Antes houbo inxustizas,hoxe igual.Pensamos que canto máis evolucionamos as leis serían mais completas pero a realidade dinos que esto non é asi.
    Moitas situacions actuais terían boa resposta neste poema.E duro decir que as leis non respaldan os cidadáns que o necesiten.
    Mario Arias López

    ResponderEliminar
  4. Quixera saber quen fai as colaboracións neste temazo. É un dos meus preferidos de Nao, e soábame moi a Rosalía a letra. Efectivamente, era súa.
    Se alguén sabe as colaboracións, agradeceríao.
    Moi boa páxina esta, grazas por tela disponible ;)

    ResponderEliminar
  5. Bueno, por se a alguén máis lle interesa quen é a voz feminina que fixo a colaboración da versión musicada de Nao, é Patty, dun grupo chamado Meigha.
    Saúde.

    ResponderEliminar
  6. Anónimo15/11/12

    encantame a voz dos cantantes estan xenial esto é un temazo..... anímobos a seguir, teño familiares q tamen teñen discos , pero cantan en plan cantautor porque son actores
    enoraboa a todos eeee a seguir con este estupendo blogue.....

    ResponderEliminar
  7. Anónimo30/11/12

    ¡Quen no ía dicir que neste século XXI, estar verbas de Rosalía estarían de plena actualidade e que, malia o tempo trancorrido, estarían repito, de plena actualidade, identifícome co texto, no sentido de que desgraciadamente,a xustiza non existe.

    ResponderEliminar