Meniña, ti a máis fermosa. Rosalía de Castro

—Meniña, ti a máis fermosa
que a luz do sol alumbrara;
ti a estrela da mañanciña
que en puras tintas se baña;
ti a frol das froridas cumbres,
ti a ninfa das frescas augas,
ti como folla do lirio
branca, pura e contristada
¿Quen eres, fada sin nome
de tan dormentes miradas,
de tan dorida sonrisa
de feituriña tan cándida?
¿Quisais de muller naceches
sendo tan limpia e tan casta?
¿Quisais das brisas da tarde,
quisais das brétemas vagas
das burbulliñas dun río,
quisais dunha nube branca?
¿Ou as espumas do mare
a un raio de sol xuntadas
pousáronte ó ser de aurora
nunha cunchiña de nacra?
Mais, de onde queira que sexas,
tristísima pasionaria,
por ti sinto un amor puro
que pouco a pouco me mata.
Por ti, de noite e de día,
cal vaga sombra encantada,
preto do teu vivir ximo,
ximo cos ventos que pasan
facendo vibrar sonoras
sentidas cordas dun harpa,
que con ecos tembradores
dos meus amores che falan.
Mais dime: ¿por que estás muda,
di por que estás solitaria,
di por que vives nos montes
cos paxariños que cantan,
mentras ti choras e choras
ó pé dun olmo sentada,
toda de loito cuberta,
toda cuberta de lágrimas.

Rosalía de Castro (1996). Cantares Gallegos (Vigo: A Nosa Terra)

Roi Casal (2008) En



— Déixame vivir nos montes,
déixame estar solitaria,
déixame cos paxariños
que en derredor de min cantan.
Déixame vestir de loito,
cuberta por tristes bágoas,
i eco de homes non escoite
nin son de harmoniosas harpas,
que eses sons de amor á vida
rompen as miñas entrañas.
¿Si deles, galán, por sorte
doce consolo arrancaras
para un dor que non ten cura,
para un mal que non se acaba!
¡Si ó seu vibrar sonoroso
as tombas se levantaran
i o polvo que nelas mora
volto a vivir se axitara…!
Mais, cala, galán…, non toques
as soaves cordas dun harpa
que nin dá vida ós que morren
nin as tristes tombas levanta.
Cala, galán, cos cantares
que con paixón de amor cantas,
que os meus amores morreron
i aló antre as tombas me agardan.
Para min morreu a dicha,
morreu tamén a esperanza,
cubreuse o seu de tristura
i a terra de ásperas prantas.
Déixame vivir nos montes,
déixame estar solitaria,
déixame vestir de loito,
cuberta de amargas lágrimas.

Que a rula que viudou,
xurou de non ser casada,
nin pousar en ramo verde
nin beber da iauga crara.

Sem comentários:

Enviar um comentário