Mais ó que ben quixo un día. Rosalía de Castro

Mais ó que ben quixo un día,
si a querer ten afición,
sempre lle queda unha mágoa
dentro do seu corasón.

I

Aló nas tardes serenas,
aló nas tardes caladas,
fanse máis duras as penas
que nas brandas alboradas.

Aló nas tardes sombrisas,
aló nas tardes escuras,
fanse máis cortas as risas,
máis negras as desventuras.

Que non hai sera tranquila
para quen remorsos garda,
e máis presto se aniquila
canto máis á noite agarda.

II

Eu ben sei destos secretos
que se esconden nas entrañas,
que rebolen sempre inquietos
baixo mil formas extrañas.

Eu ben sei destes tormentos
que consomen e dovoran,
dos que fan xemer os ventos,
dos que morden cando choran.

........................

I anque hora sorrindo canto,
anque hora canto con brío,
tanto chorei, chorei tanto
como as auguiñas de un río.

Tiven en pasados días
fondas penas e pesares,
e chorei bágoas tan frías
como as auguiñas dos mares.

Tiven tan fondos amores
e tan fondas amarguras,
que eran fonte de dolores
nacida entre penas duras.

III

Ora río, ora contento
vou polas eiras cantando,
vendo de onda vén o vento
cando vou levar o gando.

Ora con grande sosiego
durmo na beira das fontes,
durmo na beira dos regos,
durmo na punta dos montes.

Mais ó que ben quixo un día
si a querer ten afición,
sempre lle queda unha mágoa
dentro do seu corasón.

Rosalía de Castro (1996). Cantares Gallegos. (Vigo: A Nosa Terra)

Carmen Rey
Amancio Prada
Resonet Mercedes Hernández, soprano.

Sem comentários:

Enviar um comentário