No escuro. Ramón Cabanillas

¡Noite diante dos ollos!
¡Noite no pensamento!
¡As brétemas da Dúbida!
¡Os pantasmas do Medo!
¡Costa arriba, caíndo
sin ver onde tropezo...!

Soio unha espranza:
¡o raio aceso
dunha estreliña
que brila ó lexos!

¡Esquecido dos fillos!
¡Bulrado dos alleos!
¡Afundido na sombra!
¡Magoado polo peso
dunha Xustiza en feira
escrava do Diñeiro!

¡Soio un consolo
pon no meu peito
a luz da estrela
que brila ó lexos!

¡Nas mans as feridoras
cadeas do foreiro!
¡Ispido, arrodeado
de roxos cans famentos
que con dentes e uñas
gobernan os meus eidos!

¡Soio antre a sombra
tenme dereito
a luz da estrela
que brila ó lexos!

¡Abafado, sentindo
como funga no vento
o rachador estalo
da tralla de negreiro
que o maldito cacique
mercou, coa alma, ó Demo...!

¡Soio me alenta
neste deserto
a luz da estrela
que brila ó lexos!

-Rube, rube ó Calvario
¡ou Cristo, destes tempos!
Un derradeiro esforzo!
un paso máis, labrego!
¡A estrela é unha fogueira
que xa está preto!


Ramón Cabanillas (1979): Obras completas, I (Madrid: Akal editor)

Versión de Fuxan Os Ventos

2 comentarios:

Anónimo dixo...

Non podo máis que abrallarme da beleza deste poema.
Saúdos Galicia

Anónimo dixo...

Perdón de abraiarme

Déixanos o teu comentario