Verbas a un irmau. Manuel María

Escoita, irmau, as miñas verbas:
son sinxelas e impuras
como as verbas feridas
co coitelo dos beizos, cada día.

Vouche decir tan só que teño
a miña mau tendida,
aberta, núa e viva como o mar.

Que teño, irmau, maduro o corazón
pra gardar nel as verbas túas.

Que a vida é moi fermosa
aínda que hai homes
que teñen os beizos emporcados
con verbas de falsía,
i o corazón podre polo odio,
i as maus pingando sangue,
i agachados, no fondo dos seus petos,
en vixía,
coitelos e pistolas asesinas.

¿Que importa, irmau, que morra o día
si a súa morte
abre en nós a espranza do mencer?

Non temas.
Aínda o paxaro ten canciós
i as estrelas se alcenden cada noite.

Manuel María, Mar Maior en Antoloxía Poética, edición de Camilo Gómez Torres, Vigo, AS-PG, 1997

Versión de A Quenlla

5 comentarios:

Anónimo dixo...

Que preciosa!! É unha verdadeira gozada escoitar estas cancións, para poder erguerse e facer desta Galiza nosa un país de fraternidade, de IRMAUS!!

Anónimo dixo...

O poema de Manuel María é moi bonito

Anónimo dixo...

¡¡¡"A poesia enchiume de felicidade e recordos encantoume"!!!
Pero a cancion desagradoume a o meu pesar.

Anónimo dixo...

si me gustou moito

Anónimo dixo...

É unha verdadeira preciosidade. A mín éncheume de recordos fermoso de antano. Bicos os galegos wur aman a sñua lingoa.

Déixanos o teu comentario