Os Pinos. Eduardo Pondal


20 de decembro de 2007: Cen anos do himno galego

¿Que din os rumorosos,
na costa verdecente,
ó raio trasparente
do prácido lüar...?
¿Que din as altas copas
d’escuro arume harpado
co seu ben compasado,
monótono fungar...?

“Do teu verdor cingido
e de benignos astros,
confín dos verdes castros
e valeroso clan,
non des a esquecemento
da injuria o rudo encono;
desperta do teu sono,
fogar de Breogán.

Os boos e generosos
a nosa voz entenden,
e con arroubo atenden
o noso rouco son;
mas sós os ignorantes
e férridos e duros,
imbéciles e escuros,
non os entenden, non.

Os tempos son chegados
dos bardos das edades,
qu’as vosas vaguedades
cumprido fin terán;
pois donde quer, gigante,
a nosa voz pregoa
a redenzón da boa
nazón de Breogán.

Pondal, Eduardo (2001) Poesía galega completa II. Poemas impresos; edición de Manuel Ferreiro (Santiago de Compostela: Sotelo Blanco)

El Puto Coke En
Milladoiro
Coral El Eco
Versión beatbox de Carlos Gende nova pestana ou xanela


Teus fillos vagorosos,
en quen honor só late,
a intrépido combate
dispondo o peito van;
sé por ti mesma libre
d’indigna servidume
e d’oprobioso alcume,
región de Breogán.

Á nobre Lusitania
os brazos tende amigos,
que os eidos ven, antigos,
con un pungente afán;
e cumpre as vaguedades
dos teus soantes pinos
duns mágicos destinos,
¡oh, grei de Breogán!

Amor de terra verde,
da verde terra nosa,
encende a raza briosa
de Ousinde e de Froxán,
e, aló nos seus garridos
justillos mal constreitos,
os doces e albos peitos
das fillas de Breogán;

qu’á nobre prole insinen
fortísimos acentos,
non mólidos concentos
qu’a virges só ben ’stán;
mas os robustos ecos
que, ¡oh, patria!, ben recordas
das sonorosas cordas
das harpas de Breogán.

¡Estima non s’alcanza
cun vil gemido brando,
cal quen requer rogando
con voz qu’esquecerán;
mas cun rumor gigante,
sublime e parecido
ó intrépido sonido
das armas de Breogán!”

1 comentario:

autor@s dixo...

Grazas a Francisco Xosé Suárez por facernos chegar a versión beatbox de Carlos Gende.

Déixanos o teu comentario