Romance do pescador peleriño. X. M. Álvarez Blázquez


X. M.ª Álvarez Blázquez. Letras galegas 2008

A todos os Peleriños do Mar que veñen a Compostela

Andivo todos os mares
baixo o corazón da vela.
Mariñeiro era por gala
dos mariñeiros da terra,
pescador nas outas augas
onde aboian as estrelas,
atal que brancas alfoias
para enfeitar ás sereas.

El navegar, navegaba
unha dorna mariñeira;
nos ollos sempre un relanzo
de escumas cantaroleiras,
no corazón -¡Ai Dios Santo!-
no corazón unha arela.

Os brazos eran de buxo,
os remos, palmas lixeiras,
o timón... ben semellaba
asa de gueivota albeira.
Onde él chegaba coa dorna
iña a barileza nela,
i o vento se lle aquedaba
como unha pomba sinxela.

Os peixes choutaban ledos
polo albiscar na cuberta
co seu mouro peito ispido,
botando cantigas tenras.
¡Ai, él levaba, Dios santo,
no corazón unha arela!

Ela gardaba un segredo
debruzada na fiestra,
co mar metido na ialma,
que era moito mar para ela.
Os sargazos do cabelo
enredábanlle na testa,
porque o vento enredador
tiña cobiza das rendas.

Cicais fose por brincare,
ou sería por envexa,
o vento -lobo dos homes-
quixo arrabuñar na terra.
¡Ai! ¡onde irá o vento solto
choutando pola ribeira?
¡Ai, o vento entolecido
polo mar, coma unha besta!

(El gobernar, gobernaba
unha dorna mariñeira.)

Ninguén escoitou a voce,
acolá na noite pecha,
co mar bruando arredor
ladaíñas agoirentas:
-¡Líbrame, Señor Sant-Yago,
pescador da Galilea;
meu Sant-yago, navegante
en branca dorna de pedra !
Si me librares, Señor,
irei verte a Compostela,
descalciño dos dous pes,
no meu peito unha vieira.

Escoitar, ben o escoitara
Sant-Yago feito de pedra.

Vel ehí vai o peleriño
polas valgadas da terra;
sobor das cangadas costas
a crus de remos lle beila.
Nos ollos sempre un relanzo
de escumas cantaroleiras;
no corazón ¡ai Dios Santo!-
no corazón unha arela.

Álvarez Blázquez, Xosé M.ª, Poesía galega completa, Vigo, Edicións Xerais de Galicia, 1987.

Versión de Suso Vaamonde

Sen comentarios

Déixanos o teu comentario