Dos días que reserva para min o destino
cada unha das súas noites por vivir
sería a derradeira
a única esencial
se puidese vivirte a ti tamén
trasnoitado sobre o teu corpo en calma
cohabitando os teus soños
sobrevivido á miña inexistencia
soñado nas túas noites
ou prorrogado en ti.
xullo, 95
Lois Pereiro (1995), Poesía última de amor e enfermidade 1992-1995 (Santiago de Compostela: Edicións Positivas)
Alexandro González e Uxía Senlle
(2009)
| ▼ |
Contra a morte o amor que vai comigo. Lois Pereiro |
| ▼ |
Poderíano escoller como epitafio. Lois Pereiro |
Cuspídeme enriba cando pasedes
por diante do lugar onde eu repouse
enviándome unha húmida mensaxe
de vida e de furia necesaria.
outono, 95
Lois Pereiro (1995), Poesía última de amor e enfermidade 1992-1995 (Santiago de Compostela: Edicións Positivas)
Nación Reixa
(1997)
| ▼ |
Explórote cos ollos. Lois Pereiro |
Explórote cos ollos
descúbrote por dentro
profanando o teu sangue que levo ó meu desexo
paséome por ti
examino os teus procesos
orgánicos
mátote e morro en ti
máis docemente
ou mellor
inocúlame ti a min
veleno dos teus dentes
mergúllate no meu sangue
inxéctate nas veas
que te observan
e xa doente dóeme
a túa dor no teu desexo
berrando en cada óso
e a túa morte
mátame e resucítame
para ó final
morrerme
morre en min
sobrevive
letal amor
que nunca perde
o alento
coa súa sede de amor
e os seus cinco
sentidos.
Pereiro, Lois (1995). Poesía última de amor e enfermidade (1992-1995) (Santiago de Compostela: Edicións Positivas)
Fanny + Alexander (1994) 








