Chachauí. Avilés de Taramancos

Ter unha casa en Chachauí sobre do cume
do Cúndur-Cúndur que os incas bautizaron
polas grandes aves míticas. Ter unha casa en Chachauí
e ver no fondo do precipicio o Putumaio
brincar como un regueiro pequeniño.

Ter unha casa en Chachauí
e escoitar á noitiña o zunido dos vagalumes,
dos cocuios, o canto do turpial
e o miar estremecedor do puma negro.

Ter unha casa en Chachauí,
esqucerse do tempo, estar ao pé dun deus antigo
amigo do sol.

Ter unha casa en Chachauí.

Abaixo, no camiño de Ipiales, na estrada do Ecuador,
brillan as flores ventureiras.
Pero as estrelas son máis grandes.

Ter unha casa en Chachauí


Avilés de Taramancos, Antón (2003) Obra poética completa (A Coruña: Espiral Maior)

Versión de Rodrigo Romaní , voz de María Arribe.

2 comentarios:

Anónimo dixo...

Cando un EDNL dun insti é capaz de facer esta páxina,queridos amigos e colegas, nada está perdido neste país noso. Ánimo e moitas grazas polo voso traballo.Parabéns, é magnífico.

Saúdos dunha profe do Instituto Virxe do Mar de Noia (A Coruña)

Mareliña dixo...

encantameeeeeeeeeee

Déixanos o teu comentario