Deitado frente ao mar... Celso Emilio Ferreiro


Correlingua 2009

Lingoa proletaria do meu pobo
eu fáloa porque sí, porque me gosta,
porque me peta e quero e dame a gaña
porque me sai de dentro, alá do fondo
dunha tristura aceda que me abrangue
ao ver tantos patufos desleigados,
pequenos mequetrefes sin raíces
que ao pór a garabata xa nan saben
afirmarse no amor dos devanceiros,
falar a fala nai,
a fala dos abós que temos mortos,
e ser, co rostro erguido,
mariñeiros, labregos do lingoaxe,
remo i arado, proa e rella sempre.


Eu fáloa porque sí, porque me gosta
e quero estar cos meus, coa xente miña,
perto dos homes bos que sofren longo
unha historia contada noutra lingoa.


Non falo pra os soberbios,
non falo pra os ruís e poderosos,
non falo pra os finchados,
non falo pra os valeiros,
non falo pra os estúpidos,
que falo pra os que agoantan rexamente
mentiras e inxusticias de cotío;
pra os que súan e choran
un pranto cotidián de volvoretas,
de lume e vento sobre os ollos núos.
Eu non podo arredar as miñas verbas
de tódolos que sofren neste mundo.
E ti vives no mundo, terra miña,
berce da miña estirpe,
Galicia, doce mágoa das Españas,
deitada rente ao mar, ise camiño...

Celso Emilio Ferreiro (1978): Obra completa, I (Madrid: Akal editor)

Dios Ke Te Crew

2 comentarios:

Adrian Rodriguez Viña dixo...

Celso Emilio querenos decir con este poema que apoia totalmente a fala do galego en todos os seus ámbitos xa que é a fala que falaron todas as xeracions anteriores

j.r. dixo...

Encántame este poema, e esta versión. Lateme o corazón forte.

Que almacén tan bó de poemas musicados, fermoso!

Déixanos o teu comentario