O VENTO perdeu as follas
do seu cartafol
-esas que os chuvascos
mecanógrafos
teclean no manual dos mastros?
As gavotas non teñen quitasol
pero fan raudos equilibrios
polo aramio transparente
de tódalas ortodrómicas do ceo
O pailebote sen velas
-Serán esas que o vento
levou no seu cartafol?
tamén fai equilibrios no ronsel
Coa boca aberta
-caille a baba-
está mirándonos o babión do Sol.
Manuel Antonio (1990), De catro a catro e outros textos (Vigo: Edicións Xerais de Galicia)
Maite Dono. (1998) 
| ▼ |
O cartafol do vento. Manuel Antonio |
| ▼ |
SÓS. Manuel Antonio |
Fomos ficando sós
o Mar o barco e mais nós.
Roubaron-nos o Sol
O paquebote esmaltado
que cosía con liñas de fume
áxiles cadros sin marco
Roubaron-nos o vento
Aquel veleiro que se evadeu
pol-a corda floxa d' o horizonte
Este oucéano desatracóu d'as costas
e os ventos d' a Roseta
ourentaron-se ao esquenzo
As nosas soedades
veñen de lonxe
como as horas d' o reloxe
Pero tamén sabemos a maniobra
d' os navíos que fondean
a sotavento d' unha singladura
N-o cuadrante estantío d'as estrelas
ficou parada esta hora:
O cadavre d'o Mar
fixo d'o barco un cadaleito
Fume de pipaSaudade
NoiteSilenzoFrío
E ficamos nós sós
Sin o Mar e sin o barco
nós.
Manuel Antonio (1993) Poesía galega completa. Barcelona: Sotelo Blanco Edicións.
Milladoiro 
| ▼ |
Noiturno do adoescente morto. Federico García Lorca |
Imos silandeiros orela do vado
pra ver o adoescente afogado.
Imos silandeiros veiriña do ar,
antes que ise río o leve pró mar.
Súa ialma choraba, ferida e pequena
embaixo os arumes de pinos e de herbas.
Ágoa despenada baixaba da lúa
cobrindo de lirios a montana núa.
O vento deixaba camelias de soma
na lumieira murcha da súa triste boca.
¡Vinde, mozos loiros do monte e do prado,
pra ver o adoescente afogado!
¡Vinde, xente escura do cume e do val,
antes que ise río o leve pró mar!
O leve pró mar de curtiñas brancas
onde van e vén vellos bois de ágoa.
¡Ai, cómo cantaban os albres do Sil
sobre a verde lúa, coma un tamboril!
¡Mozos, imos, vinde, aixiña, chegar
porque xa ise río mo leva pró mar!
García Lorca, Federico, Seis poemas galegos, Madrid, Akal, Col. arealongiña, 1978.
Xoán Rubia 
| ▼ |
Os cóbados n-o barandal. Manuel Antonio |
Atopamos esta madrugarada
n-a gayola d'o Mar
unha illa perdida
Armaremos de novo a gayola
Vai a sair o Sol
improvisado e dosourentado
Xa temos tantas estrelas
e tantas luas sumisas
que non caben n-o barco nin n-a noite
Xuntaremos paxaros sin xeografía
pra xogar c'as distanzas
d'as suas áas amplexadoras
E os adeuses d'as nubes
mudos e irremediabes
E armaremos unha rede de ronseles
pra recobrar as saudades
c'o seu viaxe feito
pol-os oucéanos d'o noso corazón.
Manuel Antonio (1993) Poesía galega completa. Barcelona: Sotelo Blanco Edicións.
Emilio Cao 








