Pouco importa que a ave da esperanza
ou a chispa amarela do desexo
crucen por nós como un salouco
para converterse en néboa
ou sombra esvaída na lembranza.
O que de verdade importa,
amada e irrenunciábel compañeira,
é a chama delicada da tenrura
coa que alcendemos o lume
no que queimamos a monótona
tristeza dos días e onde arde,
serea e mansamente, a árbore
fidel e rumorosa da nosa propia vida.
Manuel María (2001). A Luz resucitada en Obra poética completa II (1981-2000) (A Coruña: Espiral Maior)
Xardín desordenado 
| ▼ |
Tenrura. Manuel María |
| ▼ |
Chove pausiño pras sombras. Uxío Novoneyra |
CHOVE pausiño pras sombras
chove pra baixo e pra riba.
O aire de soño en soño
a auga pinga que pinga...
Ven a noite polos eidos...
Vaise a tarde que nin xeme
decindo adeus con un xeito
que non sein nin se me esquece.
Novoneyra, Uxío (1981) Os Eidos. Libro do Courel (Vigo: Edicións Xerais de Galicia)
Maite Dono & Baldo Martínez (2010) 
| ▼ |
No bicarelo do bico do brelo. Uxío Novoneyra |
A Branca-Petra do Courel
NO bicarelo do bico do brelo
canta o paxariño.
No mesmiño
bicarelo do bico do brelo.
Novoneyra, Uxío (1981): Os Eidos. Libro do Courel (Vigo: Edicións Xerais de Galicia)
Uxía 
Na Virada. Voz, Mª Xosé Villar.
| ▼ |
Agora, que gastei os meus outonos. Manuel María |
Agora, que gastei os meus outonos
e ben entrado xa no propio inverno,
acredito no fugaz e no eterno
e só me asusta o raio, non os tronos.
Un, dende fai moitos anos, comprendeu
que todo é asegún e relativo
e ninguén é tan bo nen tan cativo,
nen podemos prescindir do propio eu.
Gardo dentro de min toda a fragancia
dos amados rincós da miña infancia
e os recendos que tiña a vella casa.
Foi chama o meu amor. Agora é brasa.
Saleta sempre. Perdón pola arrogancia:
"A luz é poderosa. A tebra, escasa."
Manuel María (1997), Sonetos á Casa de Hortas (A Coruña: Espiral Maior)
Milladoiro (2004) 
| ▼ |
Fiandeiriña delgada. Uxío Novoneyra |
sempre metida a fiar
sempre a fiar e soñar
para logo non ser nada.
—Para logo non ser nada
eso inda está por ver
e pois cas frebas do liño
ó torcelas de camiño
algo se ha de prender.
—Algo se ha de prender
i afé que tiñas razón
que eu estábache mirando
sin deñar que encantenón
íbame indo namorando.
Novoneyra, Uxío (1981) Os Eidos. Libro do Courel (Vigo: Edicións Xerais de Galicia)
Pilocha (1978)
Miro Casabella (2004)
| ▼ |
Fiandeira namorada. Uxío Novoneyra |
FIANDEIRA namorada
que fías detralo lume
cos ollos postos nas chamas
roxiñas brancas i azules.
Fiandieriña que fías
nas noites do longo inverno
as liñas máis delgadiñas
que o fío do pensamento.
Cai a neve branca fora
riba dos teitos calada
mentras ti fías e soñas
nunha cousiña lonxana...
Novoneyra, Uxío (1981) Os Eidos. Libro do Courel (Vigo: Edicións Xerais de Galicia)
Na versión de Xabier Díaz
(2005) os versos de Uxío aparecen mesturados e confundidos con outros de tradición popular.
Suso Vaamonde (1997) 
| ▼ |
A fala. Manuel María |
O idioma é a chave
coa que abrimos o mundo:
o salouco máis feble,
o pesar máis profundo.
O idioma é a vida,
o coitelo da dor,
o murmurio do vento,
a palabra de amor.
O idioma é o tempo,
é a voz dos avós
e ese breve ronsel
que deixaremos nós.
O idioma é un herdo,
patrimonio do pobo,
maxicamente vello,
eternamente novo.
O idioma é a patria,
a esencia máis nosa,
a creación común
meirande e poderosa.
O idioma é a forza
que nos xungue e sostén.
¡Se perdemos a fala
non seremos ninguén!
O idioma é o amor,
o latexo, a verdade,
a fonte da que agroma
a máis forte irmandade.
Renunciar ao idioma
é ser mudo e morrer.
¡Precisamos a lingua
se queremos vencer!
Manuel María (2001). Obra poética completa I (1950-1979) (A Coruña: Espiral Maior)
Roi Casal.
En
Milladoiro 
| ▼ |
Vai polo monte o camiño. Uxío Novoneyra |
VAI polo monte o camiño
outeando como un louco
polos caborcos do val
i as poxas do taramouco.
Cruza solo a serra toda
sin levar outra compaña
que a gran presencia do ceo
sobre o silencio da braña.
Eu non sein pra onde vai
méntral' o quedo mirando.
Sólo sein que eilí se compre
o soño que estoun soñando...
Novoneyra, Uxío (1981) Os Eidos. Libro do Courel (Vigo: Edicións Xerais de Galicia)
Suso Vaamonde (1997) 
| ▼ |
Canción pra cando se escoita falar castrapo. Manuel María |
Ollade esa antroidada: son galegos,
xente do pobo, sinxela e moi normal.
Olládeos, como un fato de borregos,
falando o seu castrapo "tipical".
Esprésanse nunha estrana xerigonza,
van falando un idioma que non hai.
E sinten fondo reparo, gran vergonza,
en falar, como é debido, a fala nai.
Ollade ós moi paletos e cretinos
ladrando o seu castrapo por aí,
intentando ser lidos, cultos, finos
imitando ós "castizos" de Madrí.
Eles, probes, non poden ser culpados
polo seu idioma, tristeiro i anormal.
A culpa é de quen di: "Sede educados,
que falar galego está moi mal..."
Manuel María (2001) Obra poética completa I (1950-1979) (A Coruña: Espiral Maior)
Milladoiro 
| ▼ |
Terra Cha. Manuel María |
A Terra Cha somentes é:
un povo aquí, outro acolá,
mil arbres, monte raso,
un ceo chumbo e tráxico
no que andan as aves a voar.
O resto é soedá.
Manuel María (1989) : Terra Cha. (Vigo: Edición Xerais de Galicia)
Milladoiro 
| ▼ |
Conto. X. L. Méndez Ferrín |
Era Galicia un puro val ou oco
de densidade verde e fume morno.
Era Galicia a chaira máis espida,
inerte néboa sobre illó de lodo.
Era Galicia esguío vento agudo
encrequenando en si tódalas cousas.
Era Galicia un arbre lentamente
ensumíndose un pouco cada hora.
Era Galicia cen avós de terra
sen vengar, mudos ecos que nos moven.
Era Galicia un mar perfectamente
denso, sen luz e con sabor a homes.
Era Galicia a patria do traballo
de nunca terminar, pola boroa.
Era Galicia un home sen cabeza.
Era unha vez Galicia, espranza angosta.
Méndez Ferrín, Xosé Luís (1999): Poesía enteira de Heriberto Bens. (Vigo: Edicións Xerais de Galicia, col. Biblioteca das Letras Galegas)
Suso Vaamonde
| ▼ |
Verbas a un irmau. Manuel María |
Escoita, irmau, as miñas verbas:
son sinxelas e impuras
como as verbas feridas
co coitelo dos beizos, cada día.
Vouche decir tan só que teño
a miña mau tendida,
aberta, núa e viva como o mar.
Que teño, irmau, maduro o corazón
pra gardar nel as verbas túas.
Que a vida é moi fermosa
aínda que hai homes
que teñen os beizos emporcados
con verbas de falsía,
i o corazón podre polo odio,
i as maus pingando sangue,
i agachados, no fondo dos seus petos,
en vixía,
coitelos e pistolas asesinas.
¿Que importa, irmau, que morra o día
si a súa morte
abre en nós a espranza do mencer?
Non temas.
Aínda o paxaro ten canciós
i as estrelas se alcenden cada noite.
Manuel María, Mar Maior en Antoloxía Poética, edición de Camilo Gómez Torres, Vigo, AS-PG, 1997
Versión de A Quenlla 
| ▼ |
¿Como hei vivir mañá sen a luz túa?. Bernardino Graña |
¿Como hei vivir mañá sen a luz túa?
Case morto vivín sen coñecerte
aló na chaira seca por absurdas rúas
onde ninguén me soupo dar mornura.
Foi soedade desconforme adentro
e a semente a caír en terra dura.
¿Como hei vivir mañá sen a luz túa?
Erguinme e vinte ó regresar á terra
como se fora todo aquelo un soño
pesado e ti xa foras sempre miña.
Foi outra vez materno en aloumiño
o bico teu na lingua.
E foi de novo corazón adentro
comprender a existencia e a dozura.
¿Como hei vivir mañá sen a luz túa?
Pero hoxe mesmo o día abriu en medo
entrou na fiestra un sol extraño inmenso
e deixáchesme o leito en mantas frías.
Está a volver agora corazón adentro
a soedade o podre a agonía
a me pinchar as cousas en millóns de pugas
cada minuto en séculos de agullas.
¿Como hei vivir mañá sen a luz túa?
Graña, Bernardino (1980), Se o noso amor e os peixes... (Vigo: Edicións Xerais)
Suso Vaamonde
| ▼ |
Chachauí. Avilés de Taramancos |
Ter unha casa en Chachauí sobre do cume
do Cúndur-Cúndur que os incas bautizaron
polas grandes aves míticas. Ter unha casa en Chachauí
e ver no fondo do precipicio o Putumaio
brincar como un regueiro pequeniño.
Ter unha casa en Chachauí
e escoitar á noitiña o zunido dos vagalumes,
dos cocuios, o canto do turpial
e o miar estremecedor do puma negro.
Ter unha casa en Chachauí,
esqucerse do tempo, estar ao pé dun deus antigo
amigo do sol.
Ter unha casa en Chachauí.
Abaixo, no camiño de Ipiales, na estrada do Ecuador,
brillan as flores ventureiras.
Pero as estrelas son máis grandes.
Ter unha casa en Chachauí
Versión de Rodrigo Romaní
, voz de María Arribe.








